Triunfo do Mace Sport na primeira xornada do Campionato de España de clubs de taekwondo

Pontevedra
05 de decembro 2014

Non podía comezar mellor o Campionato de España de clubs de taekwondo. Non só nas bancadas, onde se rexistrou un magnífico ambiente. Tamén na pista, porque o club anfitrión, o Mace Sport, logrou o título de campión de España de técnica na categoría infantil. Foi o perfecto inicio para un torneo que está a converter a Pontevedra na capital nacional deste deporte durante estes catro días

Probas da modalidade técnica no Campionato de España de clubs de Taekwondo
Probas da modalidade técnica no Campionato de España de clubs de Taekwondo / Mónica Patxot

Non podía comezar mellor o Campionato de España de clubs de taekwondo. Non só nas bancadas, onde se rexistrou un magnífico ambiente. Tamén na pista, porque o club anfitrión, o Mace Sport, logrou o título de campión de España de técnica na categoría infantil. Foi o perfecto inicio para un torneo que está a converter a Pontevedra na capital nacional deste deporte durante estes catro días.

O torneo comezou sen retraso e cumpríronse bastante ben os horarios, tendo en conta o altísimo número de participantes. Os mellores resultados para os equipos galegos chegaron na categoría infantil. O Mace Sport logrou o título, mentres que o Tao foi bronce. Ademais, na clasificación masculina, houbo pleno galego con Mace Sport, Neka Monforte e Tao, no podio por esa orde. A nivel individual houbo quince medallas neste campionato de España infantil. 

En concreto, o club pontevedrés sumou as medallas de prata de Diego Rodríguez (benxamín masculino), Ana Isabel Pita (benxamín feminino) e o bronce de Carlos Daniel Solla (Mace Sport). Ademais, Ángel López Ventín, Yago Pita Ros e Adrián Ventín Santos proclamáronse campións de España (trío cadete) e Ángel López Ventín e Sarai Pazos García foron bronce (parella cadete).

Na categoría sénior, os clubs galegos non lograron tan bos resultados. Na clasificación xeral de clubs, non houbo medallas e só na categoría masculina os clubs galegos Hans´s Horang I, Moo Duk Kwan e Escola Lucense empataron na terceira posición. 

Con respecto ao Mace Sport, Marcos Silva logrou a medalla de prata individual na proba júnior masculina. Nas combinadas, Martín Díaz Pereira, Jacobo Ligero Vidal e Marcos Silva Ángel colgaron o ouro (trío masculino júnior) mentres que Carlota Corredoira Sartier, Nazaret Licer Crespo e María Peón Lamas foron prata (trío feminino júnior) e Nazaret Licer Crespo e Marcos Silva Ángel, bronce (parella júnior).

Os resultados completos desta primeira xornada pódense consultar na páxina web da Federación Galega de Taekwondo.

Este sábado será o día de maior participación. Celebrarase o Campionato de España de Clubs de combate das categorías cadete e júnior. Pola mañá terá lugar a proba cadete con 367 deportistas e pola tarde a júnior con 297 taekwondistas.