Partido igualado, de goles e con alternativas para os dous equipos o que se viviu no Pavillón Alba de Tormes. O Leis volveu a terras charras por segunda semana consecutiva tras facelo a xornada pasada para medirse ao Salamanca nun encuentrto que acabou empatando.
O guión foi diferente nesta ocasión cun resultado máis favorable para os intereses do cadro pontevedrés. Aínda que o Pensos Durán Albense ameazou coa remontada nos últimos minutos, valeu o definitivo 4-5 para asentar ao Leis na primeira posición.
Golpeou primeiro o conxunto Charro grazas ao gol de Raúl Herrero no minuto seis. A alegría durou pouco no Pavillón Alba de Tormes, que viu como a pegada dos de Santi Valladares deulle a volta ao resultado nun intre.
E é que foron tres goles en tres minutos os que pasaron o partido do 1-0 ao 1-3. Said, Iván Domínguez e Daniel Álvarez foron os responsables cos seus respectivos tantos para a escuadra lerezana.
Recortou distancias Juan Diego a un minuto do descanso para volver meter presión e mandar o encontro 2-3 ao ecuador.
Xa no segundo tempo continuou a reacción do Albense, que empatou o partido no minuto 29 co gol de Sergio Sánchez. Todo por decidir para os últimos dez minutos.
Do mesmo xeito que no primeiro tempo, o Leis volveu a demostrar por que é o líder e anotou dous goles en dous minutos para desempatar o partido e poñelo 3-5. Foron Daniel Álvarez e Yeray os encargados de facelo nos minutos 32 e 33 respectivamente.
Non foi sinxelo manter a vantaxe até o asubío final e menos tras o gol de Álvaro para o Albense, que se puña 4-5 con tres minutos de xogo por diante. Con todo, o conxunto pontevedrés soubo xestionar o resultado para sumar tres puntos que lle reafirman como lider destacado do grupo.
A próxima semana, o Leis recibirá ao Zamora no Pavillón Municipal dos Deportes.
Consulta a acta neste enlace.