A TVG únese á retransmisión da Primeira RFEF

Pontevedra
22 de agosto 2025
Actualizado: 23:48

A televisión autonómica ofrecerá esta tempada en aberto 40 partidos de Primeira Federación

Amigable de pretempada entre Pontevedra e Arenteiro en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol afrontará a próxima tempada cun impulso adicional en materia de visibilidade mediática.

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) confirmou un acordo con varias televisións autonómicas, entre elas a Televisión de Galicia (TVG), que permitirá emitir en aberto 40 partidos de Primeira Federación durante toda a campaña 2025/26.

Este novo servizo convértese na quinta plataforma que emitirá en directo os encontros de Primeira RFEF.

A totalidade dos enfrontamentos poderanse seguir a través de TV Football Club, que, a través de streaming FC Play, ofrecerá o mesmo servizo que oferta LALIGA+.

Ademais das xa nomeadas, a Primeira RFEF poderase seguir de forma parcial en Movistar+ e DIGI TV, que ofrecerán cada fin de semana os dez partidos máis destacados da xornada.

Deste xeito, a Primeira Federación alcanza na súa sexta tempada as maiores cotas de difusión da súa historia "grazas a un contido de calidade e unha masa social en constante crecemento que multiplica o seu atractivo mediático", aseguran desde a Federación.

O primeiro partido do curso do Pontevedra Club de Fútbol que se poderá seguir en aberto a través da TVG será ante a Ponferradina o 7 de setembro.