O Pontevedra Club de Fútbol marcha de vacacións cun sorriso despois de sumar este domingo o seu quinto triunfo consecutivo en liga, unha vitoria traballada nun lugar con soleira como o Estadio Helmántico no que xoga o Salamanca CF UDS e que lle permite seguir á espreita do líder Unión Adarve, que tampouco fallou esta xornada.
Co regreso de Churre ao centro da defensa cumprido un encontro de sanción, Ángel Rodríguez recuperaba o seu once inicial tipo nas últimas semanas e que xa case empeza a recitarse de memoria.
Fiel ao seu estilo o conxunto granate trataba de facerse coa iniciativa aínda que tirando de paciencia, atopando a un rival que a pesar da súa mala stuación clasificatoria é un plantel de peso, un equipo ben traballado en defensa (só recibira 8 goles en contra) pero ao que lle está custando este curso ver porta (chegou á cita con 4 goles a favor).
Froito dese plantexamento a primeira ocasión fíxose de rogar ata o minuto 18 de partido, nun centro de Yelko Pino que Alberto Rubio remataba no punto de penalti sen atopar portería.
Tentou responder o Salamanca, pero pouco despois o que chegou foi o 0-1. Corría o minuto 25 de mollo cando Román recollía un balón solto e habilitaba a Samu Araújo na custado da área. O lateral zurdo controlaba, erguía a cabeza e vía o movemento de Charles ao primeiro pau para rematar de cabeza ao fondo da rede. O seu décimo cuarto gol esta campaña.
O Pontevedra fixera o máis difícil, poñerse por diante ante un equipo que sempre que se viu por detrás no marcador fora incapaz de remontar. Con todo a renda duroulle só 10 minutos, debido a un das poucas dores de cabeza este curso para os da Boa Vila, o balón parado defensivo.
Telles sacaba cun bo toque unha falta afastada atopando desmarcado a Ribeiro ante un desaxuste defensivo. O seu testarazo foi ao pau, pero o rexeite, con Cacharrón de espectador ao pasar o coiro polas súas costas, caía a Arencibia para fusilar e devolver a igualdade ao marcador.
O gol deu un xute de enerxía aos locais, que roldaron o segundo pouco despois nunha acción de Carrasco primeiro e despois por medio de Manín, que chegou a mandar o coiro ao fondo da portería pero en claro fóra de xogo.
Pasado o mal intre o Pontevedra foise serenando para chegar ao descanso e e tentar retomar o guión inicial. Con todo o orgullo dun equipo ferido como o Salamanca, chamado a pelexar polo ascenso pero que fai as beiras co descenso, fixo que tras o paso por vestiarios dese un paso á fronte na súa presión dificultando o xogo dos de Ángel Rodríguez.
Esa saída dos salmantinos fíxolles gozar de varias aproximacións con perigo, primeiro nun disparo de Adri Carrasco e despois en dous descoidos defensivos que por fortuna non tiveron consecuencia.
Aos poucos o Pontevedra foi recuperando o ton e o partido foi decantándose ao seu favor. Tívoa Charles chegando ao ecuador do segundo período a centro de Álex, e pouco despois volveu tentalo sen éxito o brasileiro.
Íase chegando aos minutos decisivos, e se na primeira parte a estratexia golpeara en contra, esperaba unha compensación. Era o minuto 80 e Yelko Pino colgaba ao corazón da área unha falta lateral envorcada á esquerda, o porteiro local Salcedo saía en falso e Romay, recentemente entrado no terreo de xogo, metía a cabeza para facer o 1-2.
Ata o final tocou conter a reacción á desesperada do Salamanca, pero fíxoo con oficio o Pontevedra para sumar tres puntos máis no seu marcador, confirmarse como o mellor visitante da categoría e seguir aspirando ao primeiro posto do grupo.
SALAMANCA CF UDS (1): Salcedo, Palomares, Kristian (Arencibia, min.28), Murua, Espeso, Hugo Díaz (Jairo, min.72), Telles, Benito (Liam Ayad, min.61); Carrasco, Ibán Ribeiro (Carmona, min.61), Manín.
PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Samu Araújo (Romay, min.77), Miguel Román, Yelko Pino, Alberto Rubio (Martín Diz, min.77), Álex González, Brais Abelenda, Charles.
Árbitro: Diego Valdés Díaz, auxiliado nas bandas por Estrada Rodríguez e Ballesteros De La Rubia (Asturias). Amoestou a Arencibia no Salamanca e a Yelko Pino e ao técnico Ángel Rodríguez no Pontevedra.
Goles: 0-1 Charles, min.25; 1-1 Arencibia (min.35); 1-2 Romay (min.80).
Incidencias: Partido da xornada 16 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Helmántico de Salamanca. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento esta semana da nai do adestrador granate Ángel Rodríguez.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.