Última bala no Peixe Galego para tentar saír en LEB Ouro

Marín
16 de xullo 2020

O club marinense negocia a contrarreloxo e case á desesperada unha última opción de patrocinio que lle permitiría asumir os custos de aval e inscrición que debe facer fronte antes do próximo venres se quere volver competir na segunda categoría do baloncesto nacional

Partido entre Peixe Galego e Huesca na Raña
Partido entre Peixe Galego e Huesca na Raña / Diego Torrado

O reloxo corre e pesa cada vez máis nun Peixe Galego que apura as súas opcións de tentar saír por terceira vez na súa historia na liga LEB Ouro.

O club marinense negocia a contrarreloxo e case á desesperada unha última opción de patrocinio que lle permitiría asumir os elevados custos que supoñen o aval requirido pola Federación Española de Baloncesto (150.000 euros) e o custo da inscrición (36.000 euros).

A data límite aproxímase, xa que se o Peixe non quere perder os seus dereitos deportivos na segunda categoría nacional debe dar o paso antes das 13.00 horas do próximo venres 17 de xullo.

"El aval de 150.000 euros es dónde tenemos el problema", recoñece Luis Santiago desde a directiva do club, sobre todo pensando "en lo que viene por delante" nunha tempada marcada pola incerteza deportiva e económica derivada da crise sanitaria do Covid-19.

O Peixe Galego leva semanas traballando na procura dos recursos necesarios para manterse en Ouro, tal e como era a súa intención. De feito chegou a solicitar formalmente a praza que lle corresponde á Federación, ademais de seguir adiante coa tramitación ante unha posible vacante na Liga Feminina 2.

Ata o momento eses esforzos foron en balde, pero desde o club da Raña agárranse á última vía de negociación aberta nas últimas horas co obxectivo de esgotar todas as súas posibilidades. Diso depende o seu futuro a nivel competitivo.