Último partido na casa para un Poio Pescamar que busca o seu record de puntos en Primeira

Poio
27 de maio 2016

As vermellas despídense este sábado (18:30 horas) da súa afección recibindo no pavillón da Seca ao último clasificado, o FSF Elche

Adestramento do Poio FS 2015/2016
Adestramento do Poio FS 2015/2016 / Mónica Patxot

Coa permanencia asegurada desde hai varias xornadas, o Poio Pescamar afronta un último reto antes de que termine a liga, conseguir superar a súa mellor puntuación na Primeira División Feminina, os 37 puntos da 13/14, cando Marcio adestraba ao equipo.

As vermellas, que actualmente suman 33 puntos, deben para iso gañar os dous partidos que restan, o primeiro deles este sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca na que será a despedida do equipo ante a súa fiel afección.

As de Jorge Basanta reciben ao pechacancelas, o FSF Elche, equipo xa descendido e que só gañou un partido de liga en toda a tempada.

Tras este partido, no que o adestrador vermello poderá dispoñer de toda a súa artillería, o Poio Pescamar pechará a tempada a domicilio na cancha do Rubí, sexto clasificado.