Un ano 2018 cargado de eventos deportivos en Marín

Marín
30 de xaneiro 2018

A Supercopa de España de Judo, un campionato de España de remo olímpico ou o campionato de España de baloncesto infantil masculino, entre outros, figuran como eventos destacados no calendario anual previsto na vila marinense

Campionato Galego de Ximnasia Rítmica de Base en Marín
Campionato Galego de Ximnasia Rítmica de Base en Marín / Diego Torrado

Se o ano 2017 foi especial en materia deportiva en Marín, tal e como se reflectiu na recente Gala do Deporte Local, o 2018 non se vai a quedar á zaga.

Entre as citas destacadas, xa confirmadas polas respectivas federacións deportivas, destacan por segundo ano consecutivo a Supercopa de España de Judo (7 de abril), o Campionato de España Infantil Masculino de baloncesto (10 ao 16 de xuño), o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Kick  Boxing (11 ao 13 de maio) ou o Campionato de España de Remo Olímpico na modalidade de 'yolas' (27 e 28 de outubro) incluído dentro da Semana Abanca de deportes náuticos.

Importantes citas que atraerán á vila a un gran número de competidores e que se completan con outros eventos de nivel autonómico como o V Torneo de Seleccións Autonómicas de Minibasket (10 e 11 de febreiro), o Campionato Galego de Kick Boxing (17 de febreiro), a Copa Galicia Internacional de Ximnasia  Acrobática (24 e 25 de febreiro), o Campionato Galego de Seleccións Cadete e Infantil Feminino de Fútbol Sala (28 de marzo) ou o Campionato Galego de 10.000 en ruta (28 de xullo).

Todos estes campionatos e torneos contan xa con data definida, pero Marín conta con repetir como sede de eventos como a Copa de España de Mulleres de ciclismo en ruta. Tampouco se fixou a data para o Campionato Galego de Halterofilia ou os campionatos galegos escolares de judo e ximnasia rítmica.

A todo iso uniranse como cada ano organizan os clubs deportivos de Marín como a carreira popular Pinga Pinga, a milla urbana San Miguel, o torneo de fútbol Vila de Marín ou a Masterclass do Club In Mare, entre outros.

Este completo calendario fai ao Concello asegurar que 2018 será "un dos mellores anos en oferta deportiva, para todos os públicos, que se lembre".