Un BM La Rioja en horas baixas espera ao Teucro a golpe de martes

Pontevedra
13 de novembro 2017

Sen apenas descanso o Condes de Albarei Teucro afronta este martes (20:45 horas) en Logroño unha nova xornada de Asobal ante "un dos mellores planteis da liga", asegura Quique Domínguez a pesar da mala clasificación dos rioxanos. Óscar Silva, operado con éxito da súa lesión no ombreiro 

Lloria, nun adestramento do Teucro no Municipal
Lloria, nun adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

O tolo calendario da Liga Asobal volve xogar unha mala pasada ao Condes de Albarei Teucro, que sen apenas tempo para saborear a vitoria do sábado ante o Benidorm debe afrontar un longo desprazamento a golpe de martes ata Logroño.

Os azuis visitan (20:45 horas) a "un dos mellores planteis da liga", segundo Quique Domínguez, o BM La Rioja, un equipo que a pesar de todo atópase en horas baixas despois dun inicio de tempada irregular.

Con só seis puntos en 9 xornadas, os de Jota González non están a responder ao momento ás expectativas depositadas no seu renovado plantel, pero chegan á cita despois de vencer a fin de semana na pista do ata entón imbatido Anaitasuna.

"É verdade que sufriron unha renovación importante e iso fíxolle non estar de todo axustados nas primeiras xornadas. Pero tamén é verdade que ficharon moi ben e ademais están dirixidos por un grandísimo adestrador", sinala o técnico pontevedrés.

O Teucro conta coas baixas coñecidas de Óscar Silva e de Johnny Medina, ademais da un Giuseppe Colasuonno que rescindiu o contrato que lle vinculada ao club

ÓSCAR SILVA, OPERADO CON ÉXITO

Este luns o xogador teucrista Óscar Silva pasou finalmente polo quirófano para solucionar os problemas no seu ombreiro, lesionado na segunda xornada de liga ante o Guadalajara.

A intervención resultou un éxito, segundo informou o club, polo que o lateral vigués inicia agora unha fase de recuperación que, segundo as primeiras estimacións dos servizos médicos, roldará os 4 meses.