Un calendario que non ofrece respiro

Pontevedra
16 de abril 2019

Nas cinco xornadas que restan para concluír a liga regular, o Pontevedra Club de Fútbol enfrontarase a equipos que se xogan o seu futuro, xa sexa para disputar o  play-off de ascenso como tentan os granates ou para salvar a categoría, como o seu próximo rival, o Rápido de Bouzas

Os xogadores do Pontevedra celebran a vitoria ante o Coruxo no Vao
Os xogadores do Pontevedra celebran a vitoria ante o Coruxo no Vao / Diego Torrado

Ninguén dixo que fose fácil. Tras alcanzar por primeira vez esta tempada postos de play-off, agora chega o máis difícil para o Pontevedra Club de Fútbol, manterse nos postos de honra nunhas cinco xornadas finais de liga regular que se presentan apaixonantes.

Os granates saben que dependen de si mesmos, e coa moral reforzada tras a súa escalada na clasificación e catro vitorias consecutivas senten preparados para todo, aínda que o seu calendario é un dos máis esixentes entre os candidatos para xogar a fase de ascenso.

Isto é así porque non dará respiro aos de Luismi, xa que en cada unha das cinco xornadas que restan enfrontaranse a equipos que se xogan moito. En ningún caso o rival estará situado en terra de ninguén, como adoita suceder nas últimas datas.

Empezando por este mesmo xoves (17:00 horas, Pasarón), o opoñente do Pontevedra non só será un Rápido de Bouzas no seu mellor momento, tras sumar 10 dos últimos 12 puntos, senón un equipo que pelexa con uñas e dentes por salvar a categoría. Os vigueses ocupan actualmente a última das prazas de descenso con 35 puntos, a 3 puntos da promoción e da permanencia.

Unha semana despois chegará o primeiro dos dous duelos consecutivos a domicilio que deberán afrontar os pontevedreses ante equipos en problemas, o Unión  Adarve (28 de abril), outro dos inquilinos da zona de descenso con 33 puntos e que chegará coa auga ao pescozo. Non menos problemas ten o filial da Unión Deportiva Las Palmas (5 de maio), décimo sexto clasificado na praza de play-out e inmerso nunha dura pelexa pola salvación.

Pasada esta fase ante equipos da zona baixa, o conxunto granate xogaralla nas dúas últimas datas ante aspirantes ao ascenso, primeiro recibindo en Pasarón (12 de maio) ao Atlético de Madrid B, actual segundo clasificado, para pechar a liga fóra ante un Real Madrid Castilla (19 de maio) que marcha quinto a un só punto de distancia.

INVITACIÓNS ANTE O RÁPIDO DE BOUZAS

No que respecta á primeira das cinco finais, a do Xoves Santo ante o Rápido de Bouzas, o club pontevedrés permitirá retirar unha invitación a cada socio ata o mércores, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que o prezo das entradas para o último derbi da tempada fixouse en 20 euros en Tribuna, 12 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos (5 euros público xuvenil e 3 euros infantil). 

No plano deportivo, Luismi confía en recuperar a Álex González para a cita, co que tería a todos os futbolistas con ficha do primeiro equipo dispoñibles.