Un Cidade de Pontevedra de Taekwondo "cada vez máis internacional"

Pontevedra
02 de novembro 2023

O campionato organizado polo Club Mace Sport chega este ano á súa 25 edición, o sábado 4 e o domingo 5 de novembro, con 1.381 deportistas rexistrados. Instalaranse ata 13 pistas de competición no Pavillón Municipal dos Deportes

Presentación do XXV Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo
Presentación do XXV Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo / Mónica Patxot

O Pavillón Municipal dos Deportes volverá acoller un ano máis, e van 25, o Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo organizado polo Club Mace Sport.

Será o vindeiro sábado 4 e domingo 5 de novembro con ata 1.381 deportistas rexistrados, ao que se suman 200 adestradores e 60 árbitros.

"Estamos encantados de que se celebre e de que cada ano sexa máis internacional", explicou na presentación do evento o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañando ao presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso.

Será en todo caso este ano un reto organizativo, xa que ao non poder usar o festivo do 1 de novembro como ponte "oucampionato medrou moito pero encolleron os días", explica Cortegoso, pasando de catro a dúas xornadas.

É por iso que no pavillón instalaranse máis pistas que nunca ata 13, das que 12 contarán con sinal de televisión.

A actividade dará comezo o sábado a partir das 9.00 horas coas categorías júnior e infantil xunto á modalidade de técnica, continuando desde as 16.00 horas coas probas absolutas, máster e precadete,

Para o domingo pola súa banda, desde as 9.00 horas, disputaranse os comaberes cadetes e tamén o resto de categorías de técnica, poñendo a guinda ao pastel a partir das 15.00 horas o freestyle.

Participarán no Cidade de Pontevedra un total de 102 clubs, algúns deles procedentes de países como Guinea, Alxeria, Bélxica, Perú e Portugal.