Un cocido galego para conmemorar 38 anos de historia

Pontevedra
22 de febreiro 2018

Os veteranos do Campo Lameiro celebran desde hai anos unha comida de xogadores, técnicos e directivos. A próxima cita será este sábado 24 ás 14.30 horas, nunha convocatoria ampliada a todos os que pertenceron nalgún momento ao club

I Xuntanza Ex-xogadores e Ex-directivos do Campo Lameiro C.D.
I Xuntanza Ex-xogadores e Ex-directivos do Campo Lameiro C.D. / Campo Lameiro C.D.

O Club Deportivo Campo Lameiro leva máis de 30 anos de historia na que viron pasar a máis de 500 xogadores, preto de 25 técnicos e 100 directivos. Desde hai anos, a organización puxo en marcha unha iniciativa que consiste nunha reunión de persoas que formaron parte do club durante as tempadas 1979-80, 1980-81 e 1981-82, que acostuman facer unha comida o último sábado de cada mes de febreiro.

A próxima comida celebrarase este sábado 24 en Campo Lameiro ás 14.30 horas en casa Manteiga de Praderrei (Campo Lameiro), unha ‘xuntanza’ á que están convidados todas aquelas persoas que traballaron no club, xa sexa como técnico, directivo ou xogador desde o seu ano de fundación.

Algunhas destas persoas ou ben xa faleceron ou non teñen hoxe unha relación directa co Campo Lameiro, polo que o equipo fai un chamamento desde as nosas liñas a todos aqueles que queiran asistir.

Desde hai uns anos, decidiron ampliar a convocatoria máis aló das tempadas mencionadas para engadir asistentes e rememorar así vellos tempos e anécdotas ao redor dun prato típico da nosa terra, o cocido galego. O prezo será de 25 euros por cabeza.