Un derbi ante o líder para medir o nivel do Arxil

Pontevedra
26 de xaneiro 2018

Despois de catro triunfos consecutivos na Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil mide as súas aspiracións este sábado (18:30 horas) no pavillón vigués de Navia ante o líder da categoría, o Celta Zorka

Partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD
Partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD / Diego Torrado

Ata onde pode chegar esta tempada o Club Baloncesto Arxil? Esa resposta pode empezar a responderse este sábado (18:30 horas) no pavillón vigués de Navia.

As verdes visitan ao líder da categoría, o Celta Zorka, despois de catro triunfos consecutivos para medir o seu bo momento de forma e tentar confirmar que pode pelexar por entrar nos catro primeiros postos.

O conxunto celeste manda con autoridade o grupo con 13 vitorias e só dúas derrotas, aínda que a última produciuse a pasada fin de semana na cancha do Ensino lugués, mentres que o Arxil é sétimo (9-6) a dous triunfos do play-off.

Ana Román é a principal dúbida nas pontevedresas despois de dous encontros sen poder xogar, aínda que se confía na súa recuperación para contar con todo o plantel dispoñible para a cita.

Tamén o Celta conta coa incógnita do estado físico de Minata Keita e de se xogará Sarah Ogoke, afectada por problemas burocráticos.