Un derbi entre Cisne e Cangas clave para a permanencia na Asobal: "É como unha final"

Pontevedra
30 de marzo 2021

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acolle este mércores 31 (19.00 horas, TVG2) o derbi do balonmán pontevedrés e galego, aprazado no seu día polo confinamento do cadro cisneísta

Gonzalo Carró, Santiago Picallo e Pablo Picallo na previa do derbi entre Cisne e Cangas
Gonzalo Carró, Santiago Picallo e Pablo Picallo na previa do derbi entre Cisne e Cangas / Isabel Feijóo

O último tren cara á permanencia na Liga Asobal pasa por diante do Dicsa Modular Cisne nos próximos días, nos que se enfrontará de maneira consecutiva ao Balonmán Cangas e ao Nava.

Con 7 puntos, os pontevedreses necesitan poñer fin á súa mala serie de resultados para reengancharse á pelexa, e para iso míranse no espello do derbi galego da primeira volta, cando venceron 26-33 no Gatañal.

"Un partido como este é clave para que empecemos sacar un pouco a cabeza. Para min é como unha final", recoñece o pivote cisneísta Gonzalo Carró sobre o derbi que se disputará este mércores 31 de marzo (19.00 horas, TVG2) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra recuperando unha das xornadas aprazadas no seu momento polo confinamento do Cisne.

"Temos a ilusión de poder cambiar esa dinámica e facer un partido parecido ao da primeira volta" engade á súa vez o capitán Pablo Picallo, para o que será imprescindible "non cometer tantos erros como estamos a cometer, que é o que nos está lastrando nos últimos partidos".

Pero tamén o Cangas chega con urxencias, pensando en conseguir dous puntos que lle fagan chegar aos 14 e mesmo saír do descenso. De feito "creo que teñen moito máis que perder eles que nós. Teñen esa presión de sacar os dous puntos", afirma Carró.

En todo caso "a intención é que sexa unha festa do balonmán galego", completou na previa o presidente do Cisne, Santiago Picallo. Unha festa que poderá contar con ata 300 espectadores nas bancadas e que a nivel deportivo perderase o brasileiro Guilherme Valadao, recente incorporación do equipo e que non contaba coa súa ficha tramitada na data na que debía disputarse inicialmente o derbi.