Cando encaixas 23 goles nun primeiro tempo ou o teu porteiro unicamente pode achegar unha parada de 19 lanzamentos a lóxica di que vas perder o partido. Iso foi o que lle pasou a un Condes de Albarei Teucro desbordado e desafortunado en defensa, que enterrou as súas opcións moi pronto na súa visita á xa de seu complicada pista do Abanca Ademar.
Os leoneses terminaron así coa súa serie negativa de resultados, rozando a perfección en ataque, o que lles serviu para borrar da pista a un equipo pontevedrés que nunca puido inquietar aos locais.
Non foi a mellor imaxe dun Teucro que se en ataque apenas tivo os lanzamentos de Yoán Balázquez, o que lles serviu para conseguir unha cifra máis que aceptable de goles, en defensa tivo un buraco permanente que pronto lles deixou sen opcións.
Mentres os de Quique Domínguez tiveron o seu partido para esquecer, Abanca Ademar xogou coa intensidade e o acerto en ataque que lles faltou noutros encontros, asinando o mellor partido na casa do conxunto de Rafa Guijosa.
A posta en escena deixou moi claro o que sucedería ao final, tanto que aos 10 minutos de xogo o partido quedaba practicamente liquidado. A defensa leonesa non deixaba físgoas e cando os atopaban os galegos topábanse de fronte cun gran Nacho Biosca cuxas paradas se convertían en contragolpes rápidos culminados case sempre por Juanín García, que con sete goles no intermedio foi o máximo goleador dos leoneses.
Nos minutos finais do primeiro período xa se deixou ver que o Abanca Ademar levantaba un pouco o pé do acelerador, pero aínda así o resultado ao final dos primeiros 30 minutos era demoledor (23-14).
Os comezos da segunda metade deixaron ver unha mínima reacción visitante cando un parcial de 1-4 para os de Domínguez nos primeiros cinco minutos provocaba o enfado de Rafa Guijosa que parou o partido para chamar aos seus a capítulo nun tempo morto co que non quería que os visitantes chegasen a crer coa remontada tras rebaixar a súa desvantaxe, que chegara a ser de 11 goles ata os seis tantos (24-18).
Foi o máximo que conseguiría o Teucro. Os ademaristas reaccionaron á volta do tempo morto e devolveron o partido aos 10 goles de vantaxe, para deixarse ir xa ata o final nunha segunda parte sen o brillo da primeira, pero suficiente para pechar o partido coa vitoria que necesitaban os leoneses e cun severo correctivo para o equipo galego (34-22), ao que tampouco funcionou o seu ataque nos 30 minutos finais, nos que unicamente asinaron oito goles.
Consulta o acta e as estatísticas do partido Abanca Ademar-Condes de Albarei Teucro nesta ligazón.