Un dos sinalados polo intento de compra do Badajoz-Pontevedra deféndese: "Estou convencido da miña inocencia"

Pontevedra
25 de xaneiro 2024

O adestrador de porteiros do club estremeño, Javi Melchor, sinalado na investigación como un dos integrantes do Badajoz que presuntamente contactou cun xogador do Pontevedra nas xornadas previas ao encontro, emitiu un comunicado defendendo a súa inocencia e asegurando que "en ningún momento son culpable das acusacións que se verten contra a miña persoa" 

Javi Melchor, adestrador de porteiros do CD Badajoz
Javi Melchor, adestrador de porteiros do CD Badajoz

O Club Deportivo Bajadoz mantén o silencio oficial decretado na entidade tras saír á luz a investigación en marcha sobre un presunto intento de compra do encontro que a pasada tempada lle enfrontou ao Pontevedra na penúltima xornada de liga de Primeira RFEF, e no que se xogaban a permanencia na categoría.

Con todo un dos integrantes do club pacense sinalado na investigación e na información desvelada inicialmente polo Diario ABC si moveu ficha para defender a súa inocencia, a través dun comunicado publicado a través das súas redes sociais.

Trátase do adestrador de porteiros do Badajoz, Javi Melchor, quen supostamente tería contactado nas horas previas ao encontro co gardameta granate Pablo Cacharrón, co que coincidiu na tempada 2019-2020 cando ambos os dous militaban no Barakaldo da Segunda División B.

Nun breve escrito, Melchor asegura que "en ningún momento son culpable das acusacións que se verten contra a miña persoa".

"Demostrei, ao longo da miña carreira, que fun unha persoa, un traballador e un deportista que mantiven unha actitude honesta, sempre. Nos últimos días está a facerse un dano importante e irreparable, así como gratuíto e infundado, á miña persoa e á miña contorna", afirma o preparador.

Por último Javi Melchor pediu "o maior respecto e que se deixe actuar á xustiza antes de realizar ningunha valoración xa que estou convencido da miña inocencia", sinalando que "acometerei todas as accións legais correspondentes contra aquel que tente danar a miña imaxe e a miña honra con acusacións falsas e infundadas".