Un equipo 'ao bordo dun ataque de nervios'

Pontevedra
04 de outubro 2021

O proxecto do Pontevedra Club de Fútbol non termina de arrincar despois de cinco xornadas de liga, e a ansiedade e os nervios empezan a contaxiarse entre persoal, afección e tamén o palco de Pasarón. A pesar de todo, a reacción de rabia do equipo para salvar un punto contra o Arenteiro fai que se manteña a calma á espera de que os resultados acompañen

Rufo laméntase dunha ocasión perdida no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra e o Arenteiro
Rufo laméntase dunha ocasión perdida no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra e o Arenteiro / Mónica Patxot

Por momentos o Pontevedra Club de Fútbol parece mergullado nunha película de Pedro Almodóvar, cun certo caos, ansiedade e un ritmo frenético que lle sitúa 'ao bordo dun ataque de nervios', como a popular cinta que foi nomeada ao Óscar a finais dos anos 80.

Despois de cinco xornadas de liga o novo proxecto granate segue sen despegar, tras catro empates e unha derrota, contaxiando o nerviosismo a todos os seus estamentos, desde o plantel pasando polo corpo técnico, a afección e ata o palco do Estadio Municipal de Pasarón.

Así se viviu este domingo o encontro fronte ao Arenteiro, onde de novo un erro de concentración defensiva nunha xogada de estratexia (terceiro gol encaixado de maneira similar esta campaña), fixo saltar polo aire o plantexamento de Ángel Rodríguez enviando á lona e deixando aparvado o equipo pontevedrés. A situación empeorou co 0-2 pouco despois. Dous tiros, dous goles en contra, e a sensación de estar ao bordo do precipicio.

A bancada recriminou aos seus no descanso, e mesmo entre a directiva vivíronse escenas rechamantes cunha conversación entre varios conselleiros e a propia presidenta, Lupe Murillo, na zona nobre do estadio e á vista de todos.

Con todo a reacción do equipo na segunda metade, en base sobre todo a un exercicio de orgullo e fe, devolveu as augas ao seu leito deixando un fío á esperanza confiando que o proxecto poida arrincar definitivamente. Polo menos dálle un pouco máis de tempo, porque a realidade é que a pesar dos malos resultados a igualdade da categoría é máxima, e o Pontevedra aínda que en postos de descenso está só a 4 puntos do play- off e a 6 puntos do liderado. Quen o diría con semellante inicio de curso. Imprescindible faise, iso si, corrixir canto antes uns erros que están a custar xa moitos puntos.

"Debemos mellorar en moitas cosas pero hai que ser positivo, non pode entrar para nada o pesimismo no vestiario, porque o vestiario está forte, con ganas, está con rabia e o único que fai falta é que dunha vez por todas podamos sacar un partido adiante", sinalou en rolda de prensa tras o encontro Ángel Rodríguez.

O técnico defende que "o único que falta é que empecemos a sumar de tres, que gañemos un partido para que nos quitemos esa coraza que parece que temos". A partir dese momento "empezará a crecer o optimismo no vestiario, e con vento a favor todo se manexa mellor", asegura.

O tempo dirá se estaba no correcto, pero o certo é que a marxe co que iniciaba o curso o Pontevedra esfumouse e agora o equipo debe de ir crecendo coa esixencia dos resultados inmediatos se non quere ver como lle devoran os nervios dunha contorna xa de seu moi esixente.

O próximo exame será un Marino de Luanco que marcha décimo con 6 puntos tras encadear dous triunfos nas últimas xornadas, e só un triunfo en Asturias afastará as pantasmas que rodean aos granates.