Un gol de Changui no último minuto permite ao Ribadumia gañar a final de Noia (0-1)

O Salnés
28 de febreiro 2016

Suspense ata o final. Nun terreo de xogo impracticable, con moito barro, o Ribadumia levou os tres puntos de San Lázaro grazas a un gol de Changui no último minuto de xogo, deixando aos locais afundidos na última posición da táboa á vez que o equipo aurinegro toma distancia cos postos de descenso

Partido entre Ribadumia e Noia na Senra
Partido entre Ribadumia e Noia na Senra / Diego Torrado

Suspense ata o final. Nun terreo de xogo impracticable, con moito barro, o Ribadumia levou os tres puntos de San Lázaro grazas a un gol de Changui no último minuto de xogo, deixando aos locais afundidos na última posición da táboa á vez que o equipo aurinegro toma distancia cos postos de descenso.

Era case como unha final. O Ribadumia sabíao e tratou de impoñer o seu dominio nun campo que non estaba para lucimentos. Os visitantes dominaron e tiveron as ocasións máis claras, especialmente una de Changui e outra de Hugo, pero non acertaron, mentres o Noia limitouse a tentalo con disparos afastados que non inquietaron a meta defendida por Javi Sánchez.

A medida que transcorrían os minutos o dominio visitante incrementábase pero o gol non chegaba, ata que no último minuto do tempo regulamentario, un remate de Changui, coa esquerda, estrélase no traveseiro. O rexeite recólleo Hugo, que devolve para o mesmo Changui, que agora si, consegue marcar, de cabeza, facendo saltar de alegría aos visitantes.

Froito da tensión, a celebración custou a expulsión por vermella directa ao técnico do Ribadumia, Sierra, por saltar ao interior do terreo de xogo para festexar o gol cos seus homes.

Consulta aquí o acta do partido.