Un grupo de árbitros protesta polo cesamento de Manuel Vidal Araújo como delegado do CTA de Pontevedra

Pontevedra
24 de xullo 2020

Mostraron a súa desconformidade coa decisión aproveitando a visita á delegación pontevedresa do presidente do Comité Técnico de Árbitros de Galicia, Bernardino González Vázquez

Protesta de árbitros polo cese do delegado do CTA en Pontevedra
Protesta de árbitros polo cese do delegado do CTA en Pontevedra / Mónica Patxot

O Comité Técnico de Árbitros (CTA) de Galicia tomou a decisión de relevar despois de cinco anos no cargo ao seu delegado en Pontevedra, Manuel Vidal Araújo.

A decisión non gustou a un grupo de colexiados da delegación pontevedresa, que este xoves mostraron o seu malestar coincidindo coa visita á sede da Real Federación Galega de Fútbol do presidente autonómico do CTA, Bernardino González Vázquez.

"Non creo que sexa xusto co labor que se está realizando", sinalaron desde o sector crítico.

Vidal Araújo levaba no cargo desde verán do ano 2015, cando substituíu a Pedro Fernández Louro.

Antes de desenvolver este labor, o pontevedrés completou unha carreira na arbitraxe que lle levou como auxiliar ata a Segunda División B, na que permaneceu entre 2009 e 2013 retirándose un ano despois, xa en Terceira División.

Polo momento non se fixo público quen ocupará a partir de agora o posto de delegado do CTA de Pontevedra.