Segue sen atopar a súa mellor versión o Cisne cando xoga lonxe da súa cancha. Non foi unha excepción a visita a un rival directo na clasificación e polo soño de xogar o play-off, o Grupo Covadonga.
Os pontevedreses pagaron cara a súa desconexión ao comezo do segundo tempo e terminaron cedendo de xeito claro (30-23).
O partido comezou cunha tremenda igualdade entre ambos conxuntos. Foi así ata que preto do minuto 20 os locais lograron unha vantaxe de tres tantos. Chegou a catro a vantaxe pero os de Jabato reaccionaron e cun gol de Andrés Sánchez a pouco do descanso conseguiron chegar ao intermedio a só dous goles e todo por decidir (14-12).
Con todo, ao comezo do segundo tempo chegou a baizada de rendemento cineísta. Case 10 minutos tardou en anotar o seu primeiro gol, o que aproveitou o Covadonga para conseguir un parcial de 5-0 (19-12) que deixaba moi encarrilado o partido.
A renda local chegou a ser de oito goles, pero cando parecía todo perdido os pontevedreses melloraron para devolver o parcial e crer na remontada (24-21). Non foi así e o Covadonga conseguiu parar a sangría e recuperar distancia no marcador, superando incluso unha dobre exclusión que o Cisne non puido aproveitar.
Coa derrota os de Jabato dan un paso atrás na loita por unha praza na fase de ascenso, e lle empata nunha igualada clasificación o propio Covadonga.