Despois dunha complicada semana na que Javi Llorente deixou o banco do Peixe Galego e Joel Hernández abandonou o club, os de Marín desprazáronse a Coruña coa intención de deixar atrás a mala serie de derrotas e así poder engancharse á loita pola permanencia. Con todo, un mal segundo cuarto deixounos co mel nos beizos a pesar da boa actuación de Badmus, o mellor do partido con 17 puntos e 15 rebotes.
O encargado de inaugurar a contenda foi o Leyma Coruña, que se puxo cun parcial de 7-2 despois dos erros en ataque do Peixe, pero as substitucións nas súas filas permitiron igualar a contenda e chegar ao segundo acto con opcións para remontar.
Co 19-16 no luminoso chegaron os peores minutos para os de Marín, onde os seus xogadores non estiveron acertados de fronte ao aro e cederon un parcial de 22-12, deixando o resultado nada máis chegar ao descanso en 41-28 e poñendo costa arriba ao Peixe.
Tras o intermedio, o xogo visitante mellorou grazas a Badmus, que liderou tanto en ataque como en defensa e permitiu aos seus recortar a distancia no luminoso e meter o medo ao rival no terceiro e cuarto acto, pero os puntos non foron suficientes e terminaron caendo por 68-60.
Consulta as estatísticas do partido Leyma Coruña-Marín Peixe Galego na seguinte ligazón.