Un milagre necesita o Arosa para meterse en play-off, mentres o Céltiga recupera opcións de permanencia

O Salnés
06 de maio 2018

Cando o tiña moi preto, o Arosa deixou escapar as súas opcións e agora depende dun milagre tras caer goleado polo Alondras para disputar o play-off de ascenso. Pola súa banda o Céltiga conseguiu tres puntos vitais que lle permiten tomar aire e depender de si mesmos na última xornada para escapar dos arrástres de descenso

Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero
Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero / Diego Torrado

Cando o tiña moi preto, o Arosa deixou escapar as súas opcións e agora depende dun milagre tras caer goleado polo Alondras para disputar o play-off de ascenso. Pola súa banda o Céltiga conseguiu tres puntos vitais que lle permiten tomar aire e depender de si mesmos na última xornada para escapar dos arrástres de descenso. Sen nada en xogo, o Ribadumia foi goleado na Senra por un Racing Villlabés que loitará polo ascenso, mentres o Villalonga gañou a un Cultural Areas ao que arrastra na súa caída a Rexional Preferente.

O partido da xornada estaba no Morrazo. Alondras e Arosa xogábanse as súas opcións de play-off e os locais superaron en toda liña a un Arosa descoñecido, cunha goleada sen paliativos que deixa aos de Jorge Otero a expensas de gañar a un Noia descendido e que o Bergantiños derrote aos de Antonio nas Eiroas.

Os locais saíron moito mellor e en apenas 20 minutos xa gañaban 2-0, con goles de Jonás e Álex Rey.

Na segunda parte, Óscar Pardavila sentenciaba preto da hora de partido, e aínda que Manu Justo reducía distancias, dous minutos máis tarde Aitor Díaz facía boa a "lei do ex" conseguindo o 4-1 definitivo.

Consulta o acta do partido Alondras-Arosa nesta ligazón.

Remontou o Céltiga en Noia nos últimos minutos de cada tempo para condenar aos locais ao descenso, ao mesmo tempo que recupera opcións e depende de si mesmo para evitar os postos implicados en posibles arrastres que levan a Rexional Preferente.

Os de San Lázaro adiantábanse superada a media hora cun gol de Hugo, pero o Céltiga empataba xusto antes de irse ao descanso, por medio de Rubén Márquez.

Na segunda parte, cando parecía que o marcador xa non se movería, os da Illa lograban dous novos goles en apenas tres minutos, conseguidos por Jacobo Tato e Sabino, para dar aos branquivermellos unha vitoria que pode significar a permanencia.

Consulta o acta do partido Noia-Céltiga nesta ligazón.

Dous penaltis e a maior necesidade foron as armas do Racing Villalbés para gañar en Ribadumia e asegurarse un meritorio play-off.

Cos locais festexando a permanencia conseguida a xornada anterior, o equipo lucense abriu a conta ao transformar Álex Pérez un penalti. José Varela subía o 0-2 ao marcador antes da media hora e co Ribadumia resignado á súa sorte, Sergio Arias, tamén de penalti, pechaba o resultado.

Consulta o acta do partido Ribadumia-Racing Villalbés nesta ligazón.

Un  Villalonga descendido arrastrou na súa sorte á Cultural Areas ao derrotarlle no tempo de desconto, a pesar de xogar en inferioridade por vermella directa ao seu xogador Pintos.

Os locais empezaron ben, con dous goles na primeira media hora, conseguidos por Adrián Santos e Aarón Paredes, pero na segunda parte os visitantes conseguían nivelar a balanza en pouco máis de dous minutos, grazas aos goles de Canhoto e Jorge Fernández.

Pouco despois era expulsado Pintos, pero con todo a favor Cultural Areas non soubo pechar o partido e no desconto Rafa Pérez daba a vitoria aos de San Pedro.

Consulta o acta do partido Villalonga-Cultural Areas nesta ligazón.