Un Nacional de Xóvenes Promesas "de récord" no encoro de Pontillón do Castro

Pontevedra
29 de xullo 2016

A pista de piragüismo do encoro pontevedrés acollerá durante a fin de semana un campionato no que se darán cita 856 deportistas en idade infantil e cadete

Alfredo Bea e Anxos Riveiro presentan o Nacional de Xóvenes Promesas de piragüismo
Alfredo Bea e Anxos Riveiro presentan o Nacional de Xóvenes Promesas de piragüismo / Mónica Patxot

A pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro de Verducido encherase esta fin de semana de actividade co Campionato de España de Xóvenes Promesas, que volve bater o seu récord de participación.

Un total de 856 deportistas en idade infantil e cadete, de 89 clubs nacionais, daranse cita nun evento que contará cun apertado programa de celebración, o sábado desde as 8:00 horas e ata pasadas as 21:00 horas sen descanso e o domingo só en horario matinal.

A competición tamén supón o Campionato de España por Autonomías, e aí Galicia parte como unha das grandes favoritas tendo en conta que o 46% dos inscritos (396 padexeiros de 26 clubs) son galegos.

Entre os clubs con maior participación atópase a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, que contará no Pontillón con 33 deportistas.

Ingredientes suficientes para unha boa fin de semana deportiva na que "queremos convidar á cidade a que se achegue a Verducido", sinalou na presentación do campionato o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.