Un ouro e dúas pratas, colleita pontevedresa na última xornada do Mundial junior e sub-23 de piragüismo

Pontevedra
31 de xullo 2017

Os piragüistas pontevedreses pecharon a súa notable participación no campionato do Mundo junior e sub-23 de Pitesti (Romanía) cunha medalla de ouro, a que logrou Pablo Graña en C-1 200 metros; e con dúas pratas, a de María Pérez e Antía Jácome en C-2 200 metros e a de Camila Morison en K-2 500 metros

Pablo Graña, María Pérez e Antía Jácome, coas súas medallas
Pablo Graña, María Pérez e Antía Jácome, coas súas medallas / Federación Galega de Piragüismo

Os piragüistas pontevedreses pecharon a súa notable participación no campionato do Mundo junior e sub-23 de Pitesti (Romanía) cunha medalla de ouro, a que logrou Pablo Graña en C-1 200 metros; e con dúas pratas, a de María Pérez e Antía Jácome en C-2 200 metros e a de Camila Morison en K-2 500 metros.

Pablo Graña (Club Náutico Rodeira) proclamouse campión mundial na proba junior de C-1 200 metros nunha axustada final, cun tempo de 00:42.316, superando en tan só 60 milésimas de segundo ao ucraíno Denys Filatov.

Con este resultado, Graña refaise do mal grolo que supuxo o cuarto posto conseguido o sábado xunto o seu compañeiro Noel Domínguez (Breogán do Grove), quedando a tan só 160 milésimas de conseguir o bronce na proba de C-2 1.000 metros.

Pola súa banda, María Pérez (Náutico O Muiño) e Antía Jácome (E.P.Cidade de Pontevedra) conseguiron a medalla de prata no C-2 200 metros xuvenil, entrando en meta medio segundo despois das serbias Nikolina Mijuskovic e Nikolina Milic, vencedoras cun tempo de 00:46.020.

A padeeira do Náutico de Pontecesures, Camila Morison, conseguiu a medalla de prata na proba de K-2 500 metros formando parella con Laia Pelach nunha axustada final,  cun tempo de 1:42.520, a tan só 204 milésimas da embarcación de Polonia.

María Pérez e Antía Jácome, na súa segunda final do día, terminaron en sétima posición do C-2 500 metros xuvenil e Carolina García (E.P. Cidade de Pontevedra) foi novena na final do K-1 500 metros xuvenil.