Un Poio Pescamar minguado polas baixas recibe o Móstoles para cortar a súa mala serie

Poio
09 de abril 2021

Non chega no seu mellor momento o Poio Pescamar á súa cita co Móstoles deste sábado no Pavillón da Seca (18:30 horas). Ademais de levar máis dun mes sen coñecer a vitoria, o plantel de Manu Cossío está en horas baixas para afrontar a terceira xornada da segunda fase de liga en Primeira División

Caridad, no partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Caridad, no partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

Non chega no seu mellor momento o Poio Pescamar á súa cita co Móstoles deste sábado no Pavillón da Seca (18:30 horas). Ademais de levar máis dun mes sen coñecer a vitoria, o plantel de Manu Cossío está en horas baixas para afrontar a terceira xornada da segunda fase de liga en Primeira División.

Será un duelo de altura, no que as vermellas terán que pelexar para meterse entre as catro primeiras e así loitar polo campionato de liga na fase final. Unha pelexa marcada por Roldán e Mellilla con 38 puntos (terceiro e cuarto na clasificación), o Poio con 36 e o Móstoles con 35.

Para esta cita, o técnico pontevedrés poderá contar con Silvia, Caridad e Iria Varela en portería e con Dani Sousa, Julia Dupuy, Agostina Chiesa, Luci , Mirian, Antia, Ana Rivera e Irene García. Causan baixa Carol Agulla, que leva un mes lesionada pero xa se atopa na recta final da súa recuperación; Clara, lesionada en Burela e que terá que esperar unha semana máis para incorporarse; e Iraia, que ten rotura de fibras e estará un mes de baixa.

CONVOCATORIA DA SELECCIÓN ESPAÑOLA

A seleccionadora española Clàudia Pons volverá contar con Caridad García para a concentración do combinado nacional na que xogarán un partido de preparación ante o Futsi Navalcarnarnero.

A gardameta do Poio Pescamar, xunto á pontevedresa Jenny Lores, do Ourense Envialia, concentrarase na Cidade de Fútbol de Las Rozas do 18 ao 22 de abril.