Máis de dúas semanas despois da finalización oficial da liga e da tempada do Pontevedra Club de Fútbol, poucos foron os movementos que se fixeron oficiais.
Só as despedidas de Álex Masogo, ao finalizar a súa cesión, e Jon Bakero, que renunciou ao ano que lle restaba de contrato, confirmáronse por parte da entidade granate, así como a marcha do técnico da casa Sergio Moreira.
Iso non supón que o club pontevedrés non estea a avanzar no seu novo proxecto deportivo, pero faino un ano máis envolto no máis absoluto segredo e decretando o silencio oficial.
Nin sequera as reunións cos futbolistas do primeiro plantel, que se produciron os últimos días de maio e primeiros de xuño, supuxeron noticias oficiais sobre os xogadores que teñen contrato en vigor (Álex González, Borja Domínguez, Yelko Pino, Luís Martínez, Rufo, Oier Calvillo, Bastos e Nikolov), aos que se lles presentou oferta para continuar ou os que, pola contra, despedíronse do club finalizada a relación contractual.
Tampouco desde o Pontevedra aclarouse nada aínda sobre como quedará a estrutura de dirección deportiva e a parcela técnica, que se pretende reforzar. Neste sentido, sen director deportivo oficial desde que Toni Otero primeiro asumiu o cargo de adestrador e posteriormente saíu do club, foron representantes do Consello de Administración os que levaron a batuta nas primeiras reunións e negociacións.
Polo menos no que respecta a os xogadores, os conselleiros Enrique Mariño e Roberto Feáns son os que falaron con eles para finiquitar o curso, un como responsable da área económica e o segundo como encargado da área deportiva dentro do Consello, unhas atribucións separadas ás da secretaría técnica e que nunca abandonou a pesar de ter dimitido das funcións de director deportivo en febreiro de 2021.
Dentro desta estrutura queda ademais por definir o papel que xogará Charles Dias, e por suposto o nome do próximo adestrador, que sairá dunha terna de candidatos cos que xa se produciron conversacións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.