A última fin de semana competitiva de ano vai ser frenética para o Club Waterpolo Pontevedra, cunha xornada sen descanso o vindeiro sábado 16 de decembro.
No que respecta ao principal equipo do club, o sénior feminino de Primeira Nacional, ten previsto enfrontarse ao AE Santa Eulalia o sábado ás 16.00 horas na Escola Naval de Marín. Trátase do actual terceiro clasificado, ante o que as pontevedresas tentarán deixar atrás a irregularidade das últimas xornadas para dar así un paso á fronte cara á permanencia na categoría.
Pero non será a única cita da xornada, e é que pola mañá o CGTD será escenario de varios partidos, empezando cunha exhibición de categoría benxamín ás 11.15 horas e xogándose a continuación tres choques das Ligas Galegas de Waterpolo, recibindo o CW Coruña Rías Altas.
Por último xogarase, tamén no CGTD, o partido de División de Honra Masculina (14:00 h).
Iso en canto a competición, pero a actividade terá unha cita a maiores como guinda do pastel, a tradicional cea de Nadal de toda a familia do Waterpolo Pontevedra, con máis dun cento de asistentes previstos nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial en Mourente.