Un sexto posto no C-1 200 pecha a participación de Adrián Sieiro no Europeo

Pontevedra
17 de xullo 2017

A pesar de non ser a súa distancia, o padeeiro pontevedrés do Piragüismo Poio quedou a só medio segundo da medalla de bronce. Superado o Campionato de Europa, o reto pasa agora por gañarse un sitio para o Mundial no próximo control selectivo nacional

Adrián Sieiro, padexeiro do Piragüismo Poio
Adrián Sieiro, padexeiro do Piragüismo Poio / Federación Galega de Piragüismo

Non é a súa mellor distancia, centrada a súa preparación como está nos 1.000 metros, pero a pesar diso rendeu a gran nivel na última xornada do Campionato de Europa Sprint de Piragüismo en Plovdiv (Bulgaria).

Adrián Sieiro pechou a súa participación no Europeo coa final do C-1 200 metros, á que accedera tras unha gran semifinal.

Aínda que o seu tempo de 38.862 segundos só lle valeu para ser sexto este posto puido ser mellor, xa que quedou a pouco máis de 7 décimas do gañador, o lituano Henrikas Zustautas (38.112 segundos), e a medio segundo da medalla de bronce.

Superado o Campionato de Europa, o reto agora para o padexeiro pontevedrés do Piragüismo Poio Pescamar céntrase en lograr billete para o Mundial de Racice, República Checa, do próximo mes de agosto. 

Para iso afrontará nas próximas semanas o segundo control selectivo da tempada, onde se xogará un posto no equipo nacional co obxectivo de logralo en dúas modalidades, o C-1 1.000 metros e o C-2 xunto ao seu compañeiro Sergio Vallejo.