Un torneo de baloncesto 3x3 para despedir o ano na Raña

Marín
06 de decembro 2021

O Pavillón da Raña, en Marín, acollerá o vindeiro domingo 26 de decembro un torneo de competición oficial galega de 3x3. A Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Marín e o CB Peixe Galego, presentan o 'Xacobeo 21-22 3x3 FGB', unha nova cita deportiva destinada ás persoas maiores de 16 anos que queiran despedir o ano xogando ao baloncesto

18 edición do 3x3 escolar do Arxil
18 edición do 3x3 escolar do Arxil / Mónica Patxot

O Pavillón da Raña, en Marín, acollerá o vindeiro domingo 26 de decembro un torneo de competición oficial galega de 3x3.

A Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Marín e o CB Peixe Galego, presentan o 'Xacobeo 21-22 3x3 FGB', unha nova cita deportiva destinada ás persoas maiores de 16 anos que queiran despedir o ano xogando ao baloncesto. Como máximo poderán apuntarse 24 equipos, mixtos, femininos ou masculinos, competindo todos en conxunto.

Os equipos deberán estar formados por un mínimo de 4 e un máximo de 6 persoas. O formato de xogo será con eliminatorias previas e as posteriores roldas de oitavos, cuartos de final, semifinais e final.

Ademais, haberá un Concurso de Tiro no que poderá participar un membro de cada equipo, completando así a xornada chea de baloncesto.

O primeiro premio deste 'Xacobeo 21-22 3x3 FGB' serán 1000 euros en metálico e o seu correspondente trofeo. O subcampión levará 500 euros e os outros dos semifinalistas, 200 euros.

No caso do campión es subcampión do Concurso de Tiro, recibirán un bono de material deportivo por valor de 200 e 100 euros, respectivamente, e un balón oficial Molten.

Inscrición

A participación no torneo terá un custe de 60 euros por equipo. Nel está incluída a licencia oficial con Seguro Deportivo asociado a cada membro e unha camiseta de xogo do evento, coa que deberán disputarse os partidos.

O prazo para facer a inscrición xa está aberto e estenderase ata o vindeiro 16 de decembro, sempre e cando non se cubran previamente as 24 prazas dispoñibles.

O proceso de inscrición, para o que se terá en conta de xeito estrito a orde de chegada do xustificante de pago da cota, debe realizarse través da web www.3x3fgb.gal. No páxina atópase toda a información relativa ao mesmo, así como á normativa e regulamento da competición. Para o envío de consultas permanece activo o email [email protected].