Un triatleta portugués que foi prata no ITU Multisport de Pontevedra dá positivo por dopaxe

Pontevedra
30 de xullo 2019

Nuno José Pereira e Silva foi descualificado e desposuído da medalla que conseguiu en Pontevedra na proba de grupos de idade do tríatlon de longa distancia. Segundo informa a Federación Internacional de Tríatlon (ITU), foi sancionado por dous anos

Competición de grupos de idade, júnior e paratríatlon do Mundial de tríatlon cros en Pontevedra
Competición de grupos de idade, júnior e paratríatlon do Mundial de tríatlon cros en Pontevedra / Xan Xiadas

Un caso de dopaxe salpicou o ITU Multisport de Pontevedra, os mundiais de tríatlon que supuxeron o maior evento deportivo da historia da cidade e que deixaron unha gran sensación entre deportistas e afeccionados.

Segundo confirmou a Federación Internacional de Tríatlon (ITU), un deportista portugués que competiu nos grupos de idade do mundial de tríatlon de longa distancia, Nuno José Pereira e Silva, foi suspendido por violar as normas antidopaxe.

O deportista luso conseguiu en Pontevedra a medalla de prata no seu grupo de idade (40-44 anos), ademais de competir na proba de tríatlon cros cun sétimo posto. Agora foi desposuído desa medalla ao ser descualificado, e deberá cumprir unha sanción de dous anos sen poder competir.

En concreto, sinala a ITU, Nuno José Pereira deu positivo por efedrina e oxilofrina.

Dáse a circunstancia de que a súa descualificación supón unha nova medalla para a delegación española no ITU Mutlisport, xa que o estadounidense Antonio Ferreira, que quedara terceiro, é finalmente prata nesta proba e o español Jorge López é a nova medalla de bronce. 

O propio deportista, nas súas redes sociais explicaba tras coñecer a noticia que "no sé que pensar, por un lado alegría porque soy el 3° del mundo, medalla de bronce en un campeonato del mundo de triatlón. Pero por otro estoy cabreado por culpa de un deportista que no juega limpio, de una persona que me privó de subir en mi país, en mi casa, en mi tierra, al pódium a recoger la medalla, mi medalla. No logro entender como nosotros los grupos de edad podemos hacer trampas en este o en otro deporte... para mi esto que ha pasado es vergonzoso y esta persona es una tramposa", sinalou.

Na mesma resolución a ITU anunciou tamén o resultado positivo por EPO do australiano Stephen Thompson no Campionato do Mundo de Grupos de Idade (30-35) que se disputou no marco da Gran Final de Gold Coast (Australia) en 2018.