Unai Silva e Arlet Ortiz, sen opción de medalla no Mundial Júnior de taekwondo

Pontevedra
12 de abril 2018

Concluíu a representación dos deportistas de Mace Sport de Pontevedra e Mat's de Marín no Mundial Junior que se está celebrando na localidade tunisiana de Hammamet

Arlet Ortiz, no Campionato do Mundo Júnior en Tunes
Arlet Ortiz, no Campionato do Mundo Júnior en Tunes / Federación Galega de Taekwondo

Acabou a participación de Unai Silva (Mace Sport de Pontevedra) e Arlet Ortiz (Mat's de Marín) no Campionato do Mundo Júnior de Taekwondo que se está disputando estes días na localidade tunisiana de Hammamet.

A primeira en entrar en competición foi Arlet na categoría de -52 quilos, celebrada durante a xornada do mércores, e despois de que a marinense buscase tamén en Tunes a fin de semana sen éxito a clasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade.

Fóronlle mellor esta vez as cousas á representante do Mat' s, que avanzou ata os oitavos de final da competición mundialista pero que non puido meterse na pelexa polas medallas tras caer contra Ozoda Sobirjonova (Usbequistán) por 4 a 10, nun combate igualado que non se decidiu ata o terceiro asalto.

Antes superara en primeira rolda á exipcia Talla  Roshdy por un claro 13-5 e á mexicana Sofía Lazos nunha dura pelexa na que tivo que remontar para impoñerse por 7 a 6.

Pola súa banda, este xoves foi a quenda do pontevedrés Unai Silva na categoría de -68 quilos, superando con éxito o seu enfrontamento de primeira rolda contra o croata Patrik Pavlekovic, sendo moi superior ao seu rival para marcar un 22-6 ao seu favor.

Con todo na segunda rolda esperaba un duro rival, o bielorruso Ivan Paulouski, que levou o combate a un ritmo moi alto que o deportista do Mace Sport non foi capaz de contrarrestar, quedando eliminado ao perder por 12 a 21.