Acabou a participación de Unai Silva (Mace Sport de Pontevedra) e Arlet Ortiz (Mat's de Marín) no Campionato do Mundo Júnior de Taekwondo que se está disputando estes días na localidade tunisiana de Hammamet.
A primeira en entrar en competición foi Arlet na categoría de -52 quilos, celebrada durante a xornada do mércores, e despois de que a marinense buscase tamén en Tunes a fin de semana sen éxito a clasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade.
Fóronlle mellor esta vez as cousas á representante do Mat' s, que avanzou ata os oitavos de final da competición mundialista pero que non puido meterse na pelexa polas medallas tras caer contra Ozoda Sobirjonova (Usbequistán) por 4 a 10, nun combate igualado que non se decidiu ata o terceiro asalto.
Antes superara en primeira rolda á exipcia Talla Roshdy por un claro 13-5 e á mexicana Sofía Lazos nunha dura pelexa na que tivo que remontar para impoñerse por 7 a 6.
Pola súa banda, este xoves foi a quenda do pontevedrés Unai Silva na categoría de -68 quilos, superando con éxito o seu enfrontamento de primeira rolda contra o croata Patrik Pavlekovic, sendo moi superior ao seu rival para marcar un 22-6 ao seu favor.
Con todo na segunda rolda esperaba un duro rival, o bielorruso Ivan Paulouski, que levou o combate a un ritmo moi alto que o deportista do Mace Sport non foi capaz de contrarrestar, quedando eliminado ao perder por 12 a 21.