Unanimidade no pleno para bautizar aos campos da Xunqueira co nome de Manolo Barreiro

Pontevedra
18 de maio 2020

Manolo Barreiro dedicou boa parte da súa vida para fomentar o fútbol base na cidade, exerceu diversas funcións na delegación pontevedresa da Federación Galega de Fútbol, da que é presidente de honra desde que se retirou no 2011 con 86 anos

Campo de fútbol A Xunqueira I
Campo de fútbol A Xunqueira I / PontevedraViva

Complexo deportivo municipal Manolo Barreiro será a partir de agora o nome oficial dos campos de fútbol da Xunqueira. A moción foi aprobada este luns por unanimidade no pleno do Concello de Pontevedra.

"Non se pode entender fútbol de Pontevedra nos últimos 50 anos sen el. É unha figura respectada e querida por todos. Tiña unha forma tranquila e educada de facer as cousas. Foi un exemplo e un referente para varias xeracións", dixo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación da proposta.

Aínda que para aqueles que gardan algún tipo de relación co fútbol basee da cidade a figura de Manolo Barreiro non necesita presentación, merece a pena lembrar que este pontevedrés que acaba de cumprir os 95 anos dedicou boa parte da súa vida ao traballo altruísta de fomentar o deporte do balompé entre os máis novos.

Foi secretario da Delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol e logo delegado ata a súa retirada no 2011 con 86 anos, cando foi nomeado presidente de honra. 

A petición de nomear aos campos co seu nome partiu dos diferentes equipos de fútbol modesto da cidade, que fixeron chegar a iniciativa á concellería de Deportes e esta deulle forma para dedicarlle un complexo deportivo de catro campos de fútbol e un pavillón.

"Os que o queremos poderemos abrazalo e compartir con el o deporte que tanto amaba", concluíu Fernández a súa defensa, que rematou co voto favorable de todos os edís da corporación.