O pickleball chegou a Galicia para quedar.
Ante a gran demanda de formación sobre esta modalidade deportiva, a UNED de Pontevedra decidiu pór en marcha unha segunda edición do Curso de Iniciación ao Pickleball.
A oferta está dentro dos Cursos de Extensión Universitaria e ten unha carga lectiva de 15 horas teóricas e 10 prácticas impartidas por instrutores e árbitros, ademais de profesionais do ensino, que explicarán os aspectos técnicos, tácticos e o regulamento.
Tamén relizarán xogos predeportivos encamiñados á aprendizaxe deste deporte.
No caso da parte teórica, poderase seguir baixo a tecnoloxía educativa da UNED e a parte práctica impartirana naquelas localidades nas que se conte cun número suficiente de cursillistas. Para iso, APIGA (Asociación de Pickleball de Galicia) facilitará o material necesario.
O obxectivo deste curso, indican desde o centro, é promocionar esta modalidade deportiva pouco coñecida pero que ten unha dinámica e técnica de golpeo similar á do ténis ou a do pádel.
A única diferenza é que require menos esixencia física e técnica, polo que é apto para todos os públicos independentemente da idade ou a condición física, sendo moi axeitado para persoas con mobilidade reducida.
O prazo de inscrición xa está aberto e a matrícula poderá formalizarse nas propias oficinas da UNED de Pontevedra.
Unha vez superadas a teoría e a práctica, o alumnado recibirá a certificación correspondente co recoñecemento dun crédito académico.