O Club Cisne Balonmán presentou este martes a campaña de socios para a tempada 24/25, a do seu 60 aniversario, unha efeméride moi presente nos carteis que anuncian os carnés de abonados.
"Eternamente xóvenes" é o lema dunha campaña que, ademais do aniversario, mira cara "un dos planteis máis novos destes 60 anos", recoñeceu o presidente cisneísta, Santiago Picallo, en relación ao equipo que competirá un curso máis na División de Honra Prata.
Trátase ademais de "un recordo para todos os que formaron parte do club todos estes anos", explicou desde a sede dun dos patrocinadores do equipo.
No que respecta a a cota de alta ou renovación, o carné para o público adulto fixouse en 115 euros. Ademais establécense as categorías de xubilado e universitario (65 euros), xuvenil (40 euros), simpatizante con dereito a tres encontros (30 euros), familiar (215 euros), familiar base (205 euros) e socio protector (300 euros).
Os abonos poderán formalizarse na páxina web do Cisne.