Unha carreira de media distancia en Nova Zelandia, primeiro test na tempada de Gómez Noya

Pontevedra
16 de decembro 2016

Tras participar hai uns días nunha proba por remudas en Bahrein, o pentacampión mundial de tríatlon afronta este sábado a súa primeira competición individual da tempada no Half de Rotorua, Nova Zelandia

Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica
Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica /

En plena fase de preparación e posta a punto, Javi Gómez Noya afronta o seu primeiro test da nova tempada participando nunha carreira de media distancia.

Tras disputar hai uns días unha proba por remudas en Bahrein xunto a Jan Frodeno e Danyela Ryf, o pentacampión mundial debutará esta campaña nunha proba individual no Half de Rotorua, Nova Zelandia.

Aproveitando que se atopa no país oceánico pasando o Nadal, Gómez Noya probará o seu estado de forma nunha carreira que se disputará este sábado 17 de decembro.

Terá que completar 2 quilómetros de natación, 90 de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé nun "circuito muy bonito pero duro", tal e como recoñeceu no seu perfil da rede social Twitter.

Serán os primeiros pasos dunha tempada na que, ademais de novos retos, volverá participar nas Series Mundiais de tríatlon con obxectivo de conseguir o seu sexto título, competición que arrincará o próximo mes de marzo en Abu Dhabi.