Unha escordadura de nocello deixa no dique seco a Seoane

Pontevedra
24 de xaneiro 2022

O lateral do Pontevedra padece unha escordadura de grao II e está á espera de realizar unha resonancia magnética para coñecer o alcance exacto da lesión e o tempo de baixa

Diego Seoane, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Ceares
Diego Seoane, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Ceares / Cristina Saiz

Malas noticias para o Pontevedra, que perde por lesión a Diego Seoane. O lateral, un dos mellores xogadores do equipo, torceuse o nocello nos minutos iniciais do partido do pasado domingo contra o Compostela tras un mal apoio ao saltar para cabecear un balón.

A falta de practicárselle unha resonancia magnética para coñecer con maior precisión o grao da lesión e calcular o tempo de recuperación, o parte médico recolle que o xogador sofre unha escordadura de grao II no seu nocello con afectación do ligamento deltoideo.

O lateral, que se retirou do campo cunha notoria coxera, presenta tamén un hematoma interno e inflamación.

Trátase dunha lesión similar á que sufriu  Rufo, aínda que neste caso Seoane, non presenta afectación ósea. Por iso, é posible que o tempo de baixa rolde as seis semanas.