Unha fin de semana cargada de atletismo no CGTD

Pontevedra
05 de abril 2018

As instalacións serán escenario de varias competicións durante as xornadas de sábado e domingo, como o IV Campionato de Galicia de Clubs de Probas Combinadas

Campionato Galego Absoluto de Atletismo no CGTD
Campionato Galego Absoluto de Atletismo no CGTD / Diego Torrado

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra concentrará gran parte da actividade atlética da fin de semana a nivel autonómico coa disputa de varias competicións.

A principal será o IV Campionato de Galicia de Clubs de Probas Combinadas, que se celebrará conxuntamente co XIV Campionato de Galicia Máster da mesma modalidade os días 7 e 8 de abril, sábado (desde as 16:30 horas) e domingo (desde as 9:50 horas).

Nesta competición a Sociedad Gimnástica estará ben representada con cinco atletas na categoría sub-18 masculina, encabezados por Pablo Tojal co obxectivo de superar os seus 4.294 puntos de marca da pasada tempada e acompañado por Yago Boleas , Hugo Silvares, Marcos Villaverde e Roi Surribas. Pola súa banda o equipo feminino tomará parte no héptatlon con Marina Porteiro (sub-23) e as sub-18 Clara Rivas e Andrea Villaverde.

O CGTD acollerá ademais outras dúas probas atléticas, comezando o sábado 7 de abril coa primeira xornada de Atletismo Xogade en Pista para a categoría infantil (10:00 horas) e seguindo o domingo 8 de abril co II Trofeo Escola de Marcha Atlética Deputación de Pontevedra (10:30 horas).

Os atletas da Gimnástica participantes nesta proba serán Carlos Morales e Eva Sande na categoría absoluta 5 quilómetros marcha, Noa García en 3 quilómetros marcha ( sub-16) e o benxamín Anxo Jamardo en 1 quilómetro marcha.