Unha medallista olímpica para o Campus Baloncesto Pontevedra

Pontevedra
04 de abril 2018

O campus organizado por Cuco Rodríguez confirmou aos profesionais convidados na súa próxima edición, con dous xogadores que militan na actualidade na liga ACB e outra xogadora da liga Feminina como Laura Quevedo, medalla de prata olímpica coa Selección Española en Río 2016

Laura Quevedo, nun partido coa Selección Española de baloncesto
Laura Quevedo, nun partido coa Selección Española de baloncesto

O Campus Baloncesto Pontevedra volverá contar cuns invitados de auténtico luxo, na próxima edición que celebrará do 1 ao 8 de xullo.

Na mesma participará toda unha medallista olímpica como Laura Quevedo, xogadora do Al-Qázeres na Liga Feminina que logrou a prata coa Selección Española nos Xogos de Río 2016. A xoven xogadora compartirá a súa experiencia profesional cos participantes no campus, despois de pasar polas diferentes seleccións nacionais en idade de formación e mesmo xogar na liga universitaria norteamericana.

Ademais da visita de Quevedo, o campus dirixido por Cuco Rodríguez, actual preparador físico no Betis da liga ACB, contará con dous xogadores da máxima categoría nacional masculina, precisamente do equipo sevillano.

Trátase de Alfonso Sánchez, que repite en Pontevedra, e de Iván Cruz, segundo confirmou a organización.

As prazas de interno para a próxima edición do Campus Baloncesto Pontevedra están xa esgotadas, pero mantense aberto o prazo de anotación para as prazas externas.