Unha praza na final four da Copa da Raíña está en xogo este sábado na Seca

Poio
07 de febreiro 2020

O Poio Pescamar recibe este sábado ás 18.30 horas na Seca ao Roldán na eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rey co obxectivo de cortar unha rancha de catro derrotas consecutivas

Partido entre Poio Pescamar e Penya Esplugues na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Penya Esplugues na Seca / Diego Torrado

O dono dunha praza na primeira final a catro da historia da Copa da Raíña de fútbol sala sairá este sábado do enfrontamento entre o Poio Pescamar e o STV Roldán previsto para este sábado a partir das 18.30 horas

Esta tempada é a primeira vez que todos os equipos da primeira e os mellores de segunda división participan na copa en eliminatorias a partido único na cancha do rival con menor coeficiente. Ata o de agora, esta competición estivera limitada aos oito mellores clasificados da Primeira División. 

Despois de eliminar ao Fisgón e ao Ourense Envialia, as de Raúl Jiménez tentarán dar un paso máis para meterse na loita polo seu primeiro título, que se disputará en maio, ao finalizar a liga, nunha sede aínda por determinar.

Con todo, o equipo conserveiro chega a este crucial choque inmerso nunha crise de resultados e deprimidos pola perda por lesión de longa duración de Clara. Con catro derrotas consecutivas en liga, desde a directiva do Poio Pescamar fan un chamamento á afección para que abarrote o pavillón e dea ás xogadoras o empuxe anímico que necesitan para voltear a situación. Ademais haberá sorteo de camisetas para aqueles afeccionados que vaian vestidos de vermello ao pavillón.

No plano deportivo, Raúl Jiménez recupera á máxima goleadora do equipo, Andrea Feijoo, unha vez recuperada da súa rotura de fibras no cuádriceps.

Nunha dinámica oposta chegan as murcianas, que suman cinco triunfos consecutivos e buscarán o sexto na Seca para meterse na final dunha competición que xa gañaron unha vez.