Unha semana atarefada para o Froiz

Pontevedra
30 de abril 2019

O conxunto pontevedrés, que vén de vencer na Clásica de Pascua en Padrón, afronta unha tripla cita competitiva en poucos días, con dúas desas carreiras dentro do calendario da Copa de España Elite e Sub-23

Jesús Arozamena, na concentración de pretempada do Froiz 2019
Jesús Arozamena, na concentración de pretempada do Froiz 2019 / PontevedraViva

Coa vitoria a pasada fin de semana na Clásica de Pascua en Padrón, grazas ao bo facer de Martín Lestido, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz encara agora unha semana de moito trafego, con ata tres competicións importantes.

O equipo pontevedrés deberá afrontar as dúas últimas carreiras da Copa de España Elite e Sub-23, e ademais competirá na Clásica de Aldeas do  Xisto en Portugal.

En canto á Copa, o Froiz quere desquitarse cun triunfo parcial que se lle resiste e que rozou no prestixioso Memorial Valenciaga. Para iso volve a escena a que era gran aposta para esta tempada, Jesús Arozamena, que se viu castigado polas lesións.

El será un dos líderes este mércores 1 de maio na LXXXVI edición da Santikutz Klasika G.P. Bertán, na localidade vasca de Legazpi. Un percorrido rompepernas con 150 quilómetros e 8 ascensións puntuables que se adapta ás características dun Froiz que completan Diego Noriega, o seu mellor clasificado na xeral, Diego González, Aaron Mariño, Marcos Navarrete, Guillermo García e Jake Wright.

Tras esta carreira, a Copa de España pecharase este mesmo domingo, 5 de maio, en Alcalá de Henares coa disputa do XXI Gran Premio Macario.

PORTUGAL

En canto á cita portuguesa, o Froiz competirá o día 1 de maio na terceira edición da Clásica de Aldeas do  Xisto, unha proba de 154 quilómetros con saída en  Pedrogao Pequeno e chegada en alto, en Gondramaz.

Ademais do vencedor en Padrón, Martín Lestido, defenderán á escuadra alimenticia no país luso Abel Franco, Aitor Bugarín, Jesús Pociña, Adrián Barros, Carlos Amil e Jorge Suárez.