Unha semana para namorados do balonmán

Pontevedra
24 de outubro 2016

Cisne e Teucro afrontarán martes e mércores respectivamente a segunda rolda da Copa do Rei, coa ilusión de seguir adiante nunha competición que se presenta esta tempada máis aberta que nunca. Por se fóra pouca emoción, a semana concluirá co derbi pontevedrés na División de Honra Prata

Dani Hernández e David Chapela en senllos partidos con Teucro e Cisne
Dani Hernández e David Chapela en senllos partidos con Teucro e Cisne / Diego Torrado

Despois dunha boa fin de semana de liga para os dous equipos pontevedreses da División de Honra Prata, con triunfo para Cisne ante o Bordils e do Teucro en Zarautz, ambos se centran agora nunha das semanas máis apaixonantes da tempada.

Chega a quenda da Copa do Rei, unha competición que este ano se está demostrando máis accesible que nunca tras a última modificación no seu sistema de competición. Non é utópico para un club humilde chegar á fase final da Copa, na que estarán oito equipos, e por iso a ilusión é máxima por seguir adiante.

Tras vencer en primeira rolda, os dous conxuntos da cidade de Lérez afrontan na casa a eliminatoria de segunda rolda, a partido único, ante un equipo da máxima categoría.

O primeiro en entrar en liza será o Cisne, este martes desde as 20:30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Ciudad Encantada, décimo cuarto clasificado actualmente en Asobal. Un día despois, mércores, será a quenda do Pavillón Municipal dos Deportes (20:45 horas) e dunha Sociedad Deportiva Teucro que se enfrontará ao Sinfín cántabro, duodécimo da táboa.

Por se a emoción non fóra suficiente, de esguello ambos miran xa ao próximo sábado, cando se disputará o derbi pontevedrés da División de Honra Prata (20:30 horas) no que será o peche perfecto dunha semana para auténticos namorados do balonmán.