Unha travesía a nado entre Ons e Combarro "tan idílica como complicada"

Poio
03 de setembro 2024

A travesía a nado da Tripla Coroa Illas Atlánticas contará cun amplo dispositivo de seguridade integrado por 30 embarcacións, 45 kaiakistas e pádel surf, máis de 150 persoas de apoio e ata tres concellos implicados

Presentación da travesía a nado entre Ons e Combarro da Tripla Coroa Illas Atlánticas
Presentación da travesía a nado entre Ons e Combarro da Tripla Coroa Illas Atlánticas / Atlantic Extreme Sports

Todo preparado para que o vindeiro sábado 7 de setembro se celebre a terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha travesía a nado que cubrirá a distancia que separa a praia de Area dos Cans, na Illa de Ons, e a Praza da Chousa de Combarro, 23 quilómetros en total.

Ata 141 nadadores, deles 128 nacionais e 13 chegados doutros países como Portugal, México, Francia, Italia, Cuba e Principado de Andorra, participarán nun evento que foi presentado oficialmente este martes fronte ao Concello de Poio.

A directora da proba, Beatriz Alvariño, destacou durante o acto o amplo dispositivo de seguridade que se despregará na ría de Pontevedra, baixo a coordinación do contramaestre do Real Club Náutico de Sanxenxo, Carlos Agra, e é que ademais de tres concellos implicados (Poio, Marín e Sanxenxo) contarase coa colaboración de 75 embarcacións, 2 médicos, 15 socorristas, enfermeiros, técnicos en emerxencias sanitarias, unha ambulancia medicalizada en Combarro e máis de 150 persoas colaborando en terra e mar. Tamén acompañarán os nadadores 45 kaiakistas e pádel surf e motos acuáticas.

"A Tripla Coroa Illas Atlánticas vai máis aló de ser un evento deportivo, senón que queremos promocionar tamén o turismo, a cultura e o patrimonio das Rías Baixas", afirmou Alvariño.

Tamén interveu na presentación o alcalde de Poio, para quen ser un dos escenarios desta travesía a nado "é un privilexio e unha oportunidade". Moldes engadiu ademais que "non é unha proba nada fácil porque esta travesía entre Ons e a Praza de Chousa é tan idílica como complicada", pero "será unha experiencia única, que combina deporte, goce e turismo", defendeu.

O pistoletazo de saída da proba darase ás 8.40 horas da mañá do sábado desde Ons, estando previsto que os nadadores máis rápidos cheguen á meta de Combarro ao redor de seis horas despois (a partir das 15.15 horas).