Numerosos deportistas dábanse cita este mércores á últimas horas da tarde na Ponte dos Tirantes, punto de encontro da Quedada de Leo, unha iniciativa que por primeira vez se celebrou fóra de Meis para promocionar a Carreira Solidaria de Leo que terá lugar o próximo 5 de outubro no Mosteiro de Meis.
O percorrido de aproximadamente 5 quilómetros, apto para todos os públicos e ritmos, reuniu a un gran grupo de corredores cun triple obxectivo: dar a coñecer a carreira solidaria máis alá de Meis, promover a participación de deportistas con diversidade funcional nas carreiras e establecer sinerxias co Medio Maratón de Pontevedra que se celebrará o 19 de outubro.
Na xuntanza participaron destacados representantes do atletismo pontevedrés como Manuel "Huracán" Hurtado, responsable das Escolas de Atletismo da Sociedad Gimnástica de Pontevedra e vencedor en cinco ocasións do Medio Maratón, e Víctor Riobó, ex atleta do club pontevedrés e director técnico do Gran Fondo.
A colaboración entre o Gran Fondo Caixabank e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra coa Carreira de Leo busca crear categorías e espazos inclusivos no mundo do deporte, especialmente para deportistas con diversidade funcional.
5 DE OUTUBRO, CITA EN MEIS
A Carreira de Leo celebraráse o domingo 5 de outubro no Mosteiro de Meis cunha carreira absoluta de cinco quilómetros, carreiras para menores e unha andaina de 6,5 quilómetros.
O evento, que na edición de 2024 contou con 1.300 participantes, promove que "cada zancada signifique un paso máis na investigación das enfermidades raras".
Os fondos recadados nesta edición destinaranse á Asociación Española de Enfermos de Alexandre e á entidade Duchenne Parent Project.
O prazo de inscrición permanece aberto ata o 29 de setembro en Carreiras Galegas, coa recomendación de inscribirse antes do 22 de setembro para asegurar a camiseta de agasallo.
MEDIO MARATÓN
A Quedada tamén serviu para promocionar o Medio Maratón de Pontevedra, que mantén aberto o segundo prazo de inscricións cun custo de 21 euros para o medio maratón e 10 euros para os 10 quilómetros. A partir do 12 de outubro aumentarán os prezos.
Actualmente hai máis de 680 atletas inscritos na distancia longa e máis de 250 na curta, das 1.200 e 600 prazas dispoñibles respectivamente. Tamén se organizan carreiras para os máis cativos cun custo de 1 euro.