Uns 70 deportistas participarán nunha travesía a nado que unirá Combarro e a illa de Tambo

Poio
17 de xullo 2014

Unha travesía a nado non competitiva e nun espazo "único" a nivel mundial. ÿ o que ofrecerá a proba que se celebrará o próximo domingo 27 de xullo entre Combarro e a illa de Tambo, e coa que, segundo a concelleira de Deportes, Marga Caldas, por primeira vez un evento deportivo chegará á illa tras a súa desmilitarización

IIla de Tambo
IIla de Tambo

Unha travesía a nado non competitiva e nun espazo "único" a nivel mundial. ÿ o que ofrecerá a proba que se celebrará o próximo domingo 27 de xullo entre Combarro e a illa de Tambo. Uns 70 deportistas xa se inscribiron nesta novidosa proposta coa que o Concello de Poio busca, segundo a concelleira de Deportes, Marga Caldas, que por primeira vez un evento deportivo chegue á illa tras a súa desmilitarización.

Marga Caldas sinalou que se trata dunha proba "moi atractiva e interesante", que permitirá a Poio promover turisticamente unha das zonas máis belas do municipio. "Vai a ser un grande espectáculo", dixo, que se poderá contemplar principalmente dende Combarro e determinadas zonas de Campelo ou Chancelas. Á illa de Tambo só accederán os membros da organización e os deportistas que participen na travesía.

A proba, que terá a súa saída ás 11.00 horas da praia de Combarro, constará de dous percorridos. O primeiro, de 3,5 quilómetros, no que os nadadores chegarán ata a praia da illa de Tambo, onde tras facer un breve avituallamento emprenderán o camiño de regreso a Combarro. No segundo, que chegará ata os 5 quilómetros, darase unha volta enteira á illa antes de volver ao punto de partida.

Segundo sinalou Luis Vilela, un dos organizadores da proba, "é un luxo poder facer esta travesía nunha ría protexida e nunha illa na que poder recuperar forzas antes de volver a terra". Ademais destas dúas probas, avanzou, haberá unha proba júnior para que os nadadores máis novos poidan gozar tamén desta experiencia.

As inscricións pódense facer a través da páxina web da proba. Custan 29 euros ata este xoves. A partir do venres serán 37 euros. Luis Vilela sinalou que o alto prezo para participar na proba radica en todo o despregamento que hai que facer nunha proba destas características, aínda que explicou que cada deportista terá dereito, entre outras cousas, ao avituallamento en Tambo, a unha bolsa con material deportivo e ao servizo de fisioterapia.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes reiterou que esta proba conta con todos os permisos e medidas de seguridade pertinentes. Ademais, poñerase en marcha un operativo mediante o cal membros de Protección Civil darán apoio loxístico aos nadadores no mar, que estarán auxiliados tamén por barcos do Porto Deportivo de Combarro e por embarcacións do club de kaiak-polo do municipio.

Esta proba pretende ser un punto de partida, sinalou Marga Caldas, para integrar a illa de Tambo en máis competicións deportivas que se organicen en Poio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en