Valdetires Ferrol-Poio Pescamar e Viaxes Amarelle-Marín Futsal na primeira rolda da Copa da Raíña

Marín
18 de setembro 2021

O Poio Pescamar e o Marín Futsal xa coñecen aos que serán os seus rivais na primeira rolda da Copa da Raíña de Fútbol sala 2020/2021, que se celebrará a partido único o 8 de decembro 

Cuartos de final da Copa Galicia entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Cuartos de final da Copa Galicia entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña /

O Poio Pescamar e o Marín Futsal xa coñecen aos que serán os seus rivais na primeira rolda da Copa da Raíña de Fútbol sala 2020/2021.

A diferenza da pasada tempada, na que tan só houbo unha final a catro, este ano contará cun formato que incluirá máis equipos. Segundo explicou a Real Federación Española de Fútbol, a primeira rolda corresponderá aos dezaseisavos de final e disputarana os equipos clasificados de Segunda División contra os equipos de Primeira. Celebrarase o próximo 8 de decembro e será a partido único. Neste caso, o conxunto de menor categoría será o que exerza como local.

Unha vez superado o primeiro trámite, haberá unha nova eliminatoria da que sairán os oito equipos que xogarán a Fase Final. Os clasificados disputarán os seus respectivos duelos nunha mesma sede que albergará os catro encontros de cuartos de final, dúas semifinais e unha final.

No caso da primeira jornada, a RFEF aclarou que os cruces se han decidido por proximidade, polo que o Poio Pescamar deberá visitar ao Valdetires Ferrol e o Marín Futsal ao Viaxes Amarelle.

Pola súa banda, o vixente campión, o Pescados Rubén Burela, visitará ao Sporting Cider Rodiles e o Ourense Envialia ao recentemente descendido Cidade das Burgas, asegurando un derbi en grao sumo interesante na comarca ourensá.

O resto de duelos serán: Intersala Promesas-Sala Zaragoza, La Concordia- Penya Esplugues, Feme Castellón- Vistelche Joventut d'Elx, Xaloc Alacant-Universidad de Alicante, Futsal Alcantarilla- Roldán, Básico Rivas-Melilla Sport Capital Torreblanca, Deportivo Córdoba-Atlético Torcal, Gran Canaria Teldeportivo- Futsi Atlético Navalcarnero, Almagro-Rayo Majadahonda, Txantrea-Leganés, Dulces París La Algaida-Móstoles e Lles Cors- Alcorcón.