Valencia, nova parada para o Froiz na Copa de España de ciclismo

Pontevedra
24 de marzo 2017

O equipo pontevedrés, con ánimos renovados tras os seus últimos resultados, participará o domingo no Memorial Pascual Momparler, cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23

Concentración de pretempada do Froiz 2017
Concentración de pretempada do Froiz 2017 / Mónica Patxot

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta a que será a cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 coa moral renovada polos seus últimos resultados, cun triunfo de Pedro Merino no Trofeo Iberdrola e o segundo posto de Martín Lestido no Trofeo Guerrita.

O equipo pontevedrés desprázase á Comunidade Valenciana para participar este domingo no Memorial Pascual Momparler, unha proba que na súa quinta edición cambia de formato deixando atrás o seu habitual percorrido chairo e con lastra para dar paso a un terreo máis duro, que se adapta mellor ás características das escuadra alimenticia.

Desta forma, o V Memorial Pascual Momparler contará con 152 quilómetros, con saída e chegada en Villanueva de Castellón e tres ascensións puntuables, as de Calderón (3ª), Campello (1ª) e Cumbres de Valencia (2ª), esta última no quilómetro 88 de carreira.

A saída á proba darase ás 9:30 horas.

Competirán polo Froiz en Valencia: Martín Lestido, Alejandro Regueiro, Martín Bouzas, Ángel de Julián, Antonio Portela, Aitor Bugarín e Aarón Mariño.