Valioso punto para o Leis masculino en Benavente e dura derrota do equipo feminino

Pontevedra
03 de abril 2017

Puido traerse o triunfo o Leis de Benavente, pero o equipo local evitouno nos últimos segundos. En todo caso, o empate axuda aos pontevedreses na súa loita pola permanencia unha semana antes de afrontar un duelo clave ante o San José

Partido entre Leis e Cuellar no Municipal
Partido entre Leis e Cuellar no Municipal / Diego Torrado

A un paso estivo de levar o triunfo o Leis Pontevedra da pista do Atlético Benavente (1-1). Só uns segundos impedírono, pero aínda así o punto conseiguido resulta moi valioso na pelexa pola permanencia na Segunda División B masculina de fútbol sala.

Os problemas físicos obrigaron a Manu Cossío a convocar a tres xuvenís saíndo un deles, David en portería, no cinco inicial. Non foi impedimento para arrincar o partido con intensidade e concentración.

A primeira gran opción foi para o Benavente no minuto 8, cun penalti que detiña David. O Leis non se desconcentrou e seguiu buscando o seu momento, que atopou xusto antes do descanso nunha xogada ensaiada que Berto convertía no 0-1.

Así se chegou ao descanso e na segunda metade os de Manu Cossío defendíanse con acerto, polo que o Benavente apostou polo xogo de cinco a falta de seis minutos. Aguantou o Leis case ata o final, pero a falta de só 39 segundos os locais atopaban o premio á súa insistencia co empate.

Este resultado deixa aos pontevedreses na duodécima posición con 14 puntos, tres máis que o seu próximo rival en liga, o San José.

DERROTAS DE LEIS FEMININO E CIDADE DE PONTEVEDRA

Dura derrota o Leis na Segunda División Feminina, afectado polos probelmas físicos cos que chegaban á cita varias xogadoras. As pontevedresas caeron goleadas na pista do Atlético Navalcarnero B (7-0).

Se os probelmas eran varios, antes da partido Marta sufría unha indisposición e no minuto 2 Ali sufría un golpe que lle impedía continuar. Demasiados incovenientes para un Leis que non puido competir e viuse superado desde o inicio.

Coa derrota o Leis queda na penúltima posición de Grupo IV con 17 puntos.

Peor lle van as cousas ao Cidade de Pontevedra no Grupo I da mesma categoría ao encaixar unha nova derrota, esta vez ante o Intersala (5-1) que lles mantén como pechacancelas da competición.