Veñen curvas para o Pontevedra

Pontevedra
24 de setembro 2018

Despois de acumular tres xornadas sen gañar os granates caeron a posto de promoción pola permanencia xusto cando chega unha das fases máis duras do calendario. No próximas catro xornadas xogarán contra tres dos equipos que ocupan actualmente praza de play-off

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Os últimos resultados colocaron o Pontevedra Club de Fútbol nunha situación delicada na clasificación da Segunda División B nun momento no que chega unha das fases máis complicadas, a priori, do calendario.

Os granates acumulan tres xornadas sen gañar despois da derrota o domingo a domicilio ante o Inter de Madrid, e caeron a postos de promoción pola permanencia, ao ser décimo sextos con 5 puntos, os mesmos que a primeira praza de descenso.

Unha vitoria (Leonesa), dous empates (Navalcarnero e Valladolid B) e dúas derrotas (Unionistas e Internacional de Madrid) son os números do irregular comezo do equipo, lonxe do esperado tras unha pretempada en clave positiva.

Chegados a este punto os de Luismi necesitan empezar a sumar de tres en tres para evitar meterse nos problemas da pasada tempada, e iso pasa por superar nas próximas semanas a tres dos catro equipos que ocupan actualmente praza de play- off de ascenso. Toda unha arma de dobre fío que pode levantar os ánimos do equipo ou terminar de afundilo na táboa.

O primeiro en chegar será o filial do Real Club Celta, o vindeiro domingo 30 de setembro (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, actual segundo clasificado con 12 puntos (4 vitorias e unha derrota). Despois o Pontevedra viaxará ao feudo doutro dos máximos candidatos ao ascenso como o Fuenlabrada, cuarto con 10 puntos, pechando esta fase a visita do líder Ponferradina (13 puntos con catro triunfos e un empate) o domingo 14 de outubro.

Na parte positiva, e sacando pequenas molestias, a enfermería baléirase coa volta ao traballo de grupo de Nacho Lorenzo superada a súa lesión de xeonllo.