Verducido coroa ás Xóvenes Promesas do panorama nacional

Pontevedra
31 de xullo 2022

Ás 13:30 horas do domingo finalizou a gran competición na que partía como favorito para ocupar postos de podio o Náutico Pontecesures, que fixo gala do seu potencial para finalizar en terceira posición da xeral por equipos

LIII Campionato de España Sprint Xóvenes Promesas
LIII Campionato de España Sprint Xóvenes Promesas

O mellor piraguismo regresou esta fin de semana ao Pontillón do Castro de Verducido, onde se disputou o Campionato de España Sprint de Xóvenes Promesas.

Ás 13:30 horas do domingo finalizou a gran competición na que partía como favorito para ocupar postos de podio o Náutico Pontecesures, que fixo gala do seu potencial para finalizar en terceira posición da xeral por equipos.

Despois de 277 carreiras disputadas, o equipo galego sumou un total de 651 puntos, só por detrás do Piragüismo Aranxuez, primeiro con 998, e do Círculo Mercantil de Sevilla, segundo con 786.

Os demais equipos galegos que entraron no top ten foron o As Torres Romaría Viquinga, ocupou a terceira praza con 398 puntos; oitavo foi o Fluvial de Lugo, e décimo o Club De Mar Ría de Aldán.

Tamén se repartiron os premios das diferentes ligas, finalizando o Pontecesures terceiro da xeral da liga de Xóvenes Promesas. Ademais gañou a liga feminina da categoría infantil e foi terceiro na liga muller cadete.

Dos títulos nacionais en xogo, Martín González do Club de Mar Ría de Aldán levou a carreira de K1 Infantil B, igual que a padeeira do Club As Torres Marta Castiñeiras que gañou en C1 Infantil A.

En categoría cadete B, Lara Remigio do Breogán do Grove levou o ouro en C1, como tamén fixo Miguel Blanco do Ría Aldán en K1.

Por último, Nicolás Braña do Piragüismo Poio logrou o triunfo en C1 cadete A.