Viaxe exprés do Arxil a Barcelona

Pontevedra
27 de outubro 2017

O equipo pontevedrés, despois de dúas derrotas consecutivas na Liga Feminina 2 de baloncesto, buscará este domingo (12:30 horas) cortar a súa mala serie na pista do Joventut Les Corts de Barcelona

Partido entre Arxil e Segle XXI no CGTD
Partido entre Arxil e Segle XXI no CGTD / Diego Torrado

Despois de dúas derrotas consecutivas, o Club Baloncesto Arxil quere remontar o voo na Liga Feminina 2, na súa visita á pista do Joventut Les Corts (domingo, 12:30 horas), conxunto co que está empatado na metade da clasificación.

O equipo pontevedrés viaxará no mesmo día a Barcelona, nun desprazamento de ida e volta en avión á primeira hora da mañá para regresar tras o choque.

As de Mayte Méndez esperan poder despregar o seu mellor xogo e esquecer as desconexións momentáneas que lle supuxeron as derrotas na casa ante o Celta e ante o Ensino en Lugo.

Esa será unha das claves do encontro. A outra defender con acerto á máxima anotadora da categoría, Nerea Garmendia, que promedia ata agora 21,25 puntos por partido e é ademais a xogadora que encabeza o ránking de valoración na categoría.

Será o segundo encontro a domicilio consecutivo para as verdes, que esperan ir progresando no seu xogo.